Monday 06 de May de 2024

Gran acollida do programa Dinamiz-ARTj no Centro Cívico das Somozas


• Este proxecto une demanda cultural local, actuacións e actividades artísticas ofrecidas por xóvenes artistas, programación cultural e mellora da oferta turística.

• A veciñanza xa gozou este mes de dous espectáculos e pechará a programación de agosto a actuación musical Foliadas e cantos de taberna do grupo Silbarda, o 18 de agosto.

Este verán o Centro Social das Somozas está sendo partícipe da gran acollida da programación cultural das actividades Dinamiz-ARTj, un proxecto que une tanto demanda cultural e actividades artísticas de artistas noveis, como plans culturais e mellora da oferta turística.

Trátase dun programa do Instituto para a Transición Xusta (ITX) a través da Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN) que busca xerar unha oferta cultural ampla nos concellos afectados polo proceso de peche de instalacións en zonas de Transición Xusta.

Durante este mes de agosto estas actividades tamén están sendo un éxito. A veciñanza das Somozas xa puido desfrutar da actividade Magia en la manga. La igualdad no tiene truco, unha representación de maxia que busca promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas.

E tamén do espectáculo Ghop! da compañía Teatro ó Cubo, que busca homenaxear aos circos ambulantes con malabares, monicreques, acrobacias ou outros elementos propios do show de variedade.

A programación pecharase o 18 de agosto coa actuación musical Foliadas e cantos de taberna do grupo Silbarda na que interpretarán pezas tradicionais que eran habituais nas reunións en tabernas, romarías e celebración familiares acompañas de gaitas, percusión tradicional, violín e violonchelo.

Estas tres actuacións complementan a oferta cultural ofrecida polo Concello das Somozas durante os 365 días do ano, neste caso concretamente durante o mes de agosto, xa que están previstas máis actividades durante este ano 2023.